A 13ª edición do festival Carballo Interplay que terá lugar en Carballo (Galicia) do 16 ao 19 de abril de 2026 convoca a inscrición para a categoría “Creación dixital galega”, que ten por obxectivo poñer en valor e visibilizar o traballo dos creadores e creadoras que difunden contidos en lingua galega na internet.
Condicións xerais
A inscrición é gratuíta e a data límite para a inscrición é o 29 de marzo de 2026.
Os proxectos deben de ser de creación propia e estar en lingua galega. As canles de difusión serán Youtube, TikTok ou Instagram ou calquera plataforma online que estea activa no momento da inscrición.
Poderán inscribirse tanto creadores e creadoras como proxectos de contido específicos dentro dunha canle ou canles completas.
Non hai ningún tipo de restrición de formato, temática, xénero, estilo, nin persoas destinatarias, sempre que non conteñan ningún tipo de contido ofensivo contra ninguén.
Os proxectos deben ter un historial comprobable de publicacións e intención de continuidade. O comité de selección poderá solicitar a información necesaria para verificar dito historial.
A inscrición farase cubrindo debidamente este formulario.
O comité de selección do festival seleccionará os finalistas que deberán presentar o seu proxecto ante un xurado dentro da programación do festival.
Comunicación e materiais
De resultar seleccionado un proxecto, a organización contactará cos seus creadores ou creadoras para solicitar o envío dos materiais correspondentes para a súa difusión dentro da programación do festival.
A organización resérvase o dereito de tomar unha mostra dos traballos seleccionadas para usar no tráiler oficial, ademais do dereito sobre o uso dos materiais (imaxes, capturas, etc.) para a promoción (programa impreso, cartel, prensa, internet, redes sociais, etc.) do evento.
Xurado e premios
O xurado estará composto por profesionais do sector cultural, audiovisual e dixital. A decisión do xurado é inapelable. O xurado poderá deixar desertos os premios, outorgar mencións especiais ou declarar ex aequo os premios.
Os premios outorgados serán os seguintes:
- Premio a mellor canle. 600 euros.
- Premio a mellor creador/a. 600 euros
